ESTATUTOS AMPA FRANCISCANOS LUGO
TITULO I.- NATUREZA E FINS
Art. 1.- Constitúese no Concelo de Lugo, unha Asociación denominada “Asociación de Pais de alumnos do Colexio PP. Franciscanos” que se rexerá pola vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico. A Asociación ten plena capacidade xurídica e rexerase polo establecido nos presentes estatutos e as disposicións vixentes.
Art. 2.- A Asociación de Pais de Alumnos do Centro PP Franciscanos de Lugo ó amparo do principio de liberdade relixiosa, constitúese como Asociación Católica e como tal asume e promove a Doutrina da Igrexa.
Art. 3.- A Asociación estende o seu ámbito territorial á provincia de Lugo e a súa duración será indefinida.
Art. 4.- O domicilio social da Asociación establécese na cidade de Lugo, na Praza Maior, nº 26.
Art. 5.- A Asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.
Art. 6.- A Asociación obrígase a conquista-los seguintes fins:
1º) Promove-la formación integral dos alumnos do Centro en colaboración e coordinación con tódolos demais membros da comunidade educativa.
2º) Colaborar co Centro en orde a un mellor cumprimento dos seus fins.
3º) Defende-los dereitos da familia, en concreto o dereito dos pais no concernente á formación e educación dos fillos.
4º) Cooperar co resto da comunidade educativa para a súa transformación nunha auténtica comunidade cristián.
5º) Fomentar e procura-la formación dos asociados en orde ó cumprimento da súa misión de pais e educadores.
6º) Promove-la cooperación, axuda e asistencia social entre tódolos membros da comunidade educativa.
7º) Promove-la participación dos pais dos alumnos na xestión do Centro.
8º) Asisti-los pais dos alumnos no exercicio do seu dereito a intervir no control do Centro.
9º) Facilita-la representación e a participación dos pais dos alumnos no Consello Escolar do Centro.
Art. 7.- O ideario educativo do Colexio que informa dos fins da Asociación, será respectado e aceptado por esta.
Art. 8.- Para a consecución dos fins da Asociación realizará actividades de tipo cultural, recreativo, deportivo e formativo que considere pertinentes.
TITULO II.- OS SOCIOS
Art. 9.- Poderán ser socios da Asociación de Pais de Alumnos do Centro PP Franciscanos de Lugo, os pais e titores dos alumnos do Colexio. Tamén poderán ser socios as persoas xurídicas, legalmente constituidas, sexan públicas ou privadas que de algunha maneira teñan interese en servi-los fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva.
Art. 10.- Os socios teñen dereito a:
a) Participar e beneficiarse das actividades e servicios que organice a Asociación, con arreglo ás normas que se establezan.
b) Ser informado sobre a marcha da Asociación.
c) Asistir con voz e voto ás reunións da Asemblea Xeral.
d) Elixir e ser elixido membro dos restantes órganos de goberno.
e) Solicitar ós órganos de goberno da Asociación o exercicio das accións que se consideren necesarias para defende-los intereses dos asociados.
Art. 11.- Os socios teñen a obriga de:
a) Cooperar na consecución dos fins da Asociación e na realización das actividades e servicios que esta organice.
b) Cumpri-lo sinalado nos Estatutos e os acordos lexitimamente adoptados polos órganos de goberno da Asociación.
c) Satisface-las cotas e derramas fixadas pola Asemblea Xeral.
Art. 12.- A calidade de socio numerario perderase:
a) Cando os fillos ou pupilos deixen de estar matriculados no Centro.
b) Por incumprimento das obrigas contidas nos presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea Xeral, ou a propia Xunta Directiva.
c) Por falta inxustificada do abono dunha cota, derrama e demais contribucións establecidas en Asemblea Xeral.
d) A solicitude do interesado, dirixida ó Presidente da Asociación.
A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles asociados que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, así como adoptar calquera outra medida disciplinaria contra aqueles. A separación ou expulsión, asi como calquera outra medida disciplinaria adoptada , será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción. Este acrodo en todo casodeberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e conta á súa resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
TITULO III.- ÓRGANOS DE GOBERNO
Art. 13.-
1.-Os órganos de goberno da Asociación son colexiados e unipersoais
2.-Son órganos colexiados: A Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
3.-Son órganos unipersoais: O Presidente, o Vicepresidente, o Secretario, o Vicesecretario, o Tesoureiro, o Vicetesoreiro, e os Vocais Delegados das Comisións.
4.- O desempeño dos cargos nos órganos de goberno da Asociación serán, en todo caso, a título gratuíto.
Art. 14.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación
Art. 15.-
1.- A Asemblea Xeral pode ser Ordinaria e Extraordinaria.
2.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase na segunda quincena do mes de outubro do curso escolar na que se someterá a proposta para a súa aprobación as contas do exercicio anterior, o presuposto económico para o exercicio en curso, fixación da cota, aproba-la renovación da Xunta Directiva, se houbera lugar,o sometemento para a súa aprobación das actividades para ó próximo curso e calquera outro asunto da orde do día coas limitacións do número seguinte. Os acordos tomaranse por maioría dos votos dos asociados presentes.
3.- A Asemblea Xeral Extraordinaria reunirase previa convocatoria do Presidente a solicitude de 1/3 da Xunta Directiva ou 1/4 de asociados. Serán competencia exclusiva da Asemblea Xeral Extraordinaria a alleamento de bens, a modificación dos Estatutos, a disolución da Asociación e a integración ou exclusión de outros organismos, asociacións ou federacións de análogos fins. Os acordos tomaranse do mesmo xeito que na Asemblea Ordinaria agás a modificación dos Estatutos, a alleamento de bens ou a disolución da Asociación que se adoptarán polo voto favorable dos 2/3 dos socios presentes.
4.- A Asemblea Xeral haberá de ser convocada por escrito con quince días naturais de antelación, acompañándose copia da orde do día.
5.- A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos asociados, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de concorrentes.
6.- Os efectos de votación, os pais ou titores, terán un só voto, independentemente do número de fillos matriculados no Centro.
Art. 16.-
1.- A Xunta Directiva é o órgano rector da Asociación, e estará integrada polo Presidente, Vicepresidente, Secretario, Vicesecretario, Tesoureiro, Vicetesoureiro e catro Vocais.Podrán asistir as reunións da Xunta Directiva con voz e sin voto o Director do Centro e un representante dos señores profesores elixido entre os mesmos.
A súa actuación axustarase ás directrices emanadas da Asemblea Xeral, que a elixe por un período de catro anos, renovándose por metades cada dous, podendo ser reelixidos.
2.- Reunirase a convocatoria do Presidente, a propia instancia ou a solicitude de 1/3 dos membros da mesma. A convocatoria farase con cinco días de antelación e acompañada da orde do día.
3.- A Xunta Directiva quedará validamente constituída cando concorran a metade máis un dos membros que a integran. Os acordos adoptaranse por maioría. No caso de empate de votos o do Presidente será decisorio. A asistencia ás xuntanzas da Xunta Directiva haberá de ser persoal. A falta do Presidente ou Vicepresidente, presidirá as xuntanzas e por este orde, o Secretario; o Vicesecretario; o Tesoureiro e o Vicetesoureiro.
4.- Os membros da Xunta Directiva non percibirán retribución polo cargo desempeñado.
Art. 17.- Corresponde á Xunta Directiva:
1.- Executa-los acordos da Asemblea Xeral.
2.- Dirixir e administra-la Asociación.
3.- Elixir por maioría absoluta de entre os seus membros, ó Presidente, Vicepresidente, Secretario, Vicesecretario, Tesoureiro e Vicetesoureiro. Cando a Xunta Directiva sexa renovada en máis de 1/2 dos seus membros, os cargos antes citados someteranse a elección novamente de entre tódolos membros que a compoñen.
4.- Determina-las comisións para o desenvolvemento das actividades da asociación e nomea-los encargados das mesmas.
5.- Cumprir e facer cumpri-los presentes Estatutos.
6.- Nomear e cesar ó persoal contratado e ós profesionais necesarios para o mantemento dos servicios da Asociación. A Xunta directiva ostentará a xefatura de persoal.
7.- Cubri-las vacantes que se produzan na Xunta Directiva durante o curso, que se fará do seguinte xeito:
Se nas eleccións para cubrir vacantes da Xunta Directiva celebradas na derradeira Asemblea, houbera máis candidatos que vacantes a cubrir, propoñeráselle por rigoroso orde de votos obtidos, de maior a menor, ós candidatos que non resultaron elixidos. No caso de que ningún destes aceptara ou non houbera candidatos non elixidos, faráselle a proposta a calquera asociado que decida a Xunta Directiva por maioría simple. Os asociados que foran nomeados deste xeito terán que ser ratificados ou elixidos na próxima Asemblea.
8.-Nomea-la Comisión Permanente que alomenos estará formada polo Presidente, Secretario e Tesoureiro.
9.-O funcionamento interno da Xunta Directiva, Comisión Permanente e demais comisións serán elaborados polos propios organismos e aprobados pola Xunta Directiva.
Art. 18.- O Presidente terá as seguintes competencias:
1.-Ostenta-la representación legal da Asociación e actuar no seu nome diante de toda clase de persoas, autoridades, órganos, organismos e xurisdiccións e diante da Dirección do Centro.
2.- Convoca e preside as reunións da Asemblea Xeral e Xunta Directiva
3.- Coordina-la actuación do tódolos membros da Xunta Directiva.
4.- Con autorización da Xunta Directiva subscribe contratos a nome da Asociación, outorga poderes a terceiros, comparece en xuízo e presta confesión en xuízo, en nome e representación da Asociación, e confire poderes a procuradores e nomea avogados en caso de que sexa necesario, interpón reclamacións e recursos en vía administrativa e na contenciosa de todo tipo; acepta doazóns e legados.
Art. 19.- Corresponde ó Vicepresidente:
1.- Substituír ó Presidente en caso de enfermidade ou ausencia en tóldalas funcións a el encomendadas.
2.- Exercitar cantas competencias delegara en el expresamente o Presidente.
Art. 20.- Corresponde ó Secretario:
1.- Velar porque a actuación da Asociación se axuste ó establecido no ordenamento xurídico.
2.- Levanta-las actas da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
3.- Convocar por orde do Presidente a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
4.- Custodiar e organiza-la documentación da Asociación.
5.- Expedir certificacións das actas e dos acordos tomados polos órganos de goberno e representación co visto e prace do Presidente.
Art. 21.- Corresponde ó Vicesecretario:
1.- Substituir ó Secretario en caso de enfermidade ou de ausencia, en tódalas funcións a el encomendadas.
2.- Exercitar cantas competencias delegara en el expresamente o Secretario.
Art. 22.- Corresponde ó Tesoureiro:
1.- Organiza-la administración da Asociación.
2.- Realiza-los pagos e intervelos.
3.- Leva-la contabilidade da asociación.
4.- Asinar toda clase de documentos de pago mancomunadamente co Presidente ou con calquera outro membro da Xunta Directiva que teña sinatura autorizada.
Art. 23.- Corresponde ó Vicetesoureiro:
1.- Substituir ó Tesoureiro en caso de enfermidade ou de ausencia, en tódalas funcións a el encomendadas.
2.- Exercitar cantas competencias delegara en el expresamente o Tesoureiro.
TITULO IV.- RÉXIME ECONÓMICO E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Art. 24.- A Asociación carece de Patrimonio e o seu presuposto será o que se determine a principios de curso pola Asemblea Xeral.
Art. 25.- A data de peche do exercicio económico será a de 31 de Agosto, e as contas serán aprobadas anualmente, pola Asemblea Xeral seguinte a esta data. Deberán ser previamente postas a disposición dos asociados durante un prazo non inferior ós 15 dias ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral.
Art. 26.- Os recursos económicos da Asociación serán:
As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.
As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
Os productos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como as subvencións, legados, doazóns que poda percibir en forma legal.
Os ingresos que obteña a Asociación mediante o exercicio de actividades económicas lícitas que acorde realiza-la Xunta Directiva.
Art. 27.- A Asociación disolverase por vontade dos socios, por sentencia xudicial firme ou polos motivos establecidos legalmente.
Art. 28.- A disolución por vontade dos socios axustarase ó determinado no artigo 15.3 dos presentes Estatutos.
Art. 29.- Acordada a disolución a Asemblea Xeral Extraordinaria nomeará a tres socios que se constituirán en Comisión Liquidadora que saldará o activo e o pasivo da Asociación.
Art. 30.- No caso de disolución, os bens e dereitos da Asociación transmitiranse a calquer entidade de análogos fins , e o arquivo entregarase ó Colexio PP. FRANCISCANOS de Lugo.
Lugo, Outubro de dous mil tres.